Noticia publicada no diario El Progreso.
Un grupo de alumnos de Portugués da Escola de Idiomas de Lugo creou unha nova asociación coa que pretende fomentar o contacto con Portugal e o resto de países lusófonos. Chámase Terras Irmás e preséntase oficialmente en sociedade este xoves ás 20.00 horas na biblioteca da Escola.
Nesta presentación estarán dúas dos fundadores e dous dos catro membros da primeira xunta directiva, Amparo Becerra e José Antonio Vila Moreira, que explican que a idea xurdiu «dun grupo de alumnos de Portugués, que nos coñecemos e decidimos formar unha asociación para poder organizar viaxes e outros desprazamentos para establecer relacións con Portugal e cos países de fala portuguesa».
Con todo, queren resaltar, trátase dunha asociación aberta a calquera cidadán que estea interesado en participar neste tipo de actividades.
» Xa temos programada unha saída, a unha adega a Monçao, para o día 28. Saímos pola mañá, pasamos o día alí e regresamos á tarde», adiantan Amparo Becerra e José Antonio Vila.
As viaxes serán, en principio, a parte central do programa de actividades, porque ademais permitirán establecer contactos, pero non se descarta ningunha outra que poida favorecer a comunicación con todos os países de cultura lusófona.

Parabens, rapaces!!!